xoves, 9 de maio de 2024

Ficha 4: O modelo de amor romántico


Esta actividade, guiada pola profesora de Lingua e Literatura Castelá, Eva Fernández Miguélez, desenvolveuse en dúas sesións de 50 minutos con cada grupo a semana do 18 ao
22 de marzo.
Os obxectivos da mesma foron:
• Analizar a través de distintos exemplos do cine, a música e a publicidade a pervivencia dos
mitos do amor romántico na cultura popular e a súa influencia na nosa percepción de como
deben ser as relacións afectivas.
• Mostrar as claves dunha relación sa en contraposición a actitudes de control e celos.
• Visualizar a realidade da diversidade de formas de vivir e expresar o amor.
• Potenciar as relacións igualitarias e respectuosas entre os sexos.
A primeira sesión comezou co visionado dos seguintes materiais: presentación do Programa
Quérote+ (diapositivas 17 a 21); un extracto do vídeo de Marina Marroquí sobre os mitos do amor
romántico “El amor no se parece en nada a lo que nos enseñan”; tres curtametraxes do proxecto
Encuentra el verdadero amor, producidas pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios
Audiovisuales (CIMA). Despois, realizouse unha posta en común sobre os afectos tóxicos, en que
consisten e como axudan a perpetuar a inseguridade, a desigualdade e a violencia nas relacións
persoais.
Na seguinte sesión o alumnado, en grupos de 4 ou 5, investigou en diferentes medios as mensaxes
que se transmiten arredor do amor romántico, co obxectivo de contrapor a estes uns principios
que permitan desenvolver relacións sas baseadas no bo trato e a autonomía persoal. Despois cada
grupo propuxo os seus propios lemas baixo o epígrafe: Dálle a volta aos mitos do amor romántico. Con ese lemas elaborouse o vídeo que aparece ao principio desta entrada do blog.
Ao final da sesión entregouse impreso ao alumnado o documento A ERÓTICA do bo trato e o BO
TRATO na erótica, que resume as claves para poder construir relacións e encontros eróticos
saudables e satisfactorios.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Posta en marcha do programa Quérote + 2024-2025

Este curso por segundo ano consecutivo, desenvolvemos no noso centro o programa de educación sexual  Quérote +, dentro do Plan Proxecta + de...